15/2/11

NOVOS MÉTODOS PARA O FOMENTO DA LECTURA


  O luns 14 de febreiro, no IES Primeiro de Marzo de Baiona, organizouse unha videoconferencia  co ilustrador e autor de banda deseñada, afincado en Francia,  Alfonso Zapico. A interesante charla co escritor de novelas gráficas como Café Budapest ou La guerra del profesor Bertenev tivo lugar na biblioteca do  centro,  dentro da programación dunha serie de actividades relacionadas coa utilización do cómic como método de promoción da lectura, combinándoa co uso das novas tecnoloxías como medio eficaz para achegar determinados contidos de tipo cultural ao público xuvenil.
    A demanda do alumnado, de forma amena e intelixente, Alfonso Zapico, desde Angoulême en Francia,  foi comentando os seus novos proxectos editoriais, o presente e futuro da banda deseñada en soporte electrónico, a validez do uso do cómic como material educativo e outros aspectos relativos á vocación de deseñador gráfico ou á importancia da lectura e documentación como pasos previos á elaboración de calquera novela gráfica.
  Esta foi, sen dúbida, unha enriquecedora actividade que tivo lugar grazas á utilización das novas tecnoloxías e á boa disposición e interesante obra gráfica do autor.