15/2/11

NOVOS MÉTODOS PARA O FOMENTO DA LECTURA


  O luns 14 de febreiro, no IES Primeiro de Marzo de Baiona, organizouse unha videoconferencia  co ilustrador e autor de banda deseñada, afincado en Francia,  Alfonso Zapico. A interesante charla co escritor de novelas gráficas como Café Budapest ou La guerra del profesor Bertenev tivo lugar na biblioteca do  centro,  dentro da programación dunha serie de actividades relacionadas coa utilización do cómic como método de promoción da lectura, combinándoa co uso das novas tecnoloxías como medio eficaz para achegar determinados contidos de tipo cultural ao público xuvenil.
    A demanda do alumnado, de forma amena e intelixente, Alfonso Zapico, desde Angoulême en Francia,  foi comentando os seus novos proxectos editoriais, o presente e futuro da banda deseñada en soporte electrónico, a validez do uso do cómic como material educativo e outros aspectos relativos á vocación de deseñador gráfico ou á importancia da lectura e documentación como pasos previos á elaboración de calquera novela gráfica.
  Esta foi, sen dúbida, unha enriquecedora actividade que tivo lugar grazas á utilización das novas tecnoloxías e á boa disposición e interesante obra gráfica do autor.

4 comentarios:

  1. Ana Amorín Fernández 2º BACH A22 marzo, 2011 11:16

    Eu asistín a esta videoconferencia tras ler "Café Budapest" xa que me interesaba moito coñecer o autor deste cómic que tanto me gustou.
    Ao chegar e ver como as profes de galego prepararon todo para poder realizar a videoconferencia, dinme conta de como avanza a tecnoloxía, xa que puidemos falar a tempo real con Zapico, que se atopaba en Francia, e preguntarlle todas as nosas dúbidas e cuestións, que el respondeu dun xeito moi ameno e dunha forma moi clara coa que todos fomos capaces de comprender o que quería transmitir.

    Pareceume unha actividade realmente interesante, xa que o feito de poder falar co autor ou autora de calquera obra que lemos no instituto facilítanos a comprensión desta, podendo observar a visión do escritor e as espectativas que tiña e segue tendo postas na súa obra.

    Zapico pareceume unha persoa moi amena. Preguntámoslle todo tipo de dúbidas relacionadas tanto con "Café Budapest" coma con calqueira tema relacionado coa banda deseñada. El respondeu con todo detalle ás cuestións, e incluso cando nós non sabiamos que máis preguntar, engadiu os seus propios puntos de vista para que comprendesemos aínda máis a obra e nos sintesemos máis achegados a ela, e realmente o logrou, pois tra-la videoconferencia saín con moitas dúbidas aclaradas e cunha perspectiva diferente da obra ca que tiña antes de entrar, como se fora unha obra máis achegada e coñecida.

    En conclusión, penso que sempre que sexa posible deberíase fomentar estas videoconferencias cos autores das obras, para poder así indagar máis nelas e comprendelas mellor.

    ResponderEliminar
  2. Nerea Pereira Ruibal22 marzo, 2011 14:32

    O luns 14 de febreiro , algúns alumnos do IES 1º de Marzo tivemos a oportunidade de realizar unha actividade moi innovadora.A actividade consistía en facer unha videoconferencia con Zapico,o autor do libro que léramos anteriormente, "Café Budapest". Zapico atopábase nunha cidade de Francia mentres que nós estabamos na biblioteca do noso centro. Na biblioteca para poder facer a videoconferencia colocaron un ordenador, un proxector e unha gran pantalla na que saía a imaxe de Zapico.
    Persoalmente parecéume unha gran idea facer esta nova técnica para eprender, xa que é moito máis amena.Tamén grázas a que sabiamos que íamos ter esta actividade límos máis persoas ó libro.
    Durante a videoconferencia, algúns alumnos tiveron a oportunidade de preguntarlle ao autor todas as súas dúbidas sobre ó libro e sobre á banda deseñada. Zapico respondeu sen reparo a todas as preguntas.Él tamén contounos porque elixiu ese tema, esa cultura e moitas cousas máis.
    En conclusión,considero que estivo moi ben esta actividade e que se se pode debería facerse máis a meúdo, e así irnos integrando no novo mundo da informática.

    ResponderEliminar
  3. Silvia Rodríguez Giráldez

    Eu acudín á videoconferencia de Zapico e pareceume un método moi interesante de resolver dúbidas que a un lector, neste caso de Café Budapest se lle poden ocorrer mentres le este libro de como se lle ocorreu a historia, onde se documentou, como se lle ocorreron as imaxes das personaxes, etc. Agradoume moito que nos resolvese todas esas curiosidades e que nos animase a ler outros libros como Maus. Ademais diso, informounos moi ben do futuro do cómic así como a nova forma de ler comic en soporte electrónico, animounos a os que nos gustase a escribir ou debuxar en banda deseñada e a importancia que teñen agora os cómics para introducir aos máis pequenos na lectura, explicándonos que se pode aprender moito lendo un libro de banda deseñada que conte unha historia e nos poida ser máis familiar.

    ResponderEliminar
  4. A conferencia con Alfonso Zapico á que tivemo-la sorte de asistir os alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato e de Ciclo foi unha experiencia que difícilmente esqueceremos. Resulta incrible ter conversado cun autor de novela gráfica coma él, e máis tendo en conta que se atopaba a máis de 700 km de distancia!
    O acto demostrou as boas aplicacións que poden te-las novas tecnoloxías na educación. O coñecemento e recoñecemento da obra foi moito maior despois de oí-las impresións e opinións de Zapico sobre a súa obra e o seu traballo en xeral. O autor asturiano respondeu ás nosas preguntas con total amabilidade, aclarando todalas nosas dudas e mesmo contándonos aspectos interesantes do libro e da profesión de debuxante que descoñecíamos e que ninguén tiña preguntado.
    Acontecementos coma este non só nos axudan a coñece-los autores máis de preto e a comprender mellor os libros senón que tamén fomentan á lectura pois resulta máis atractivo ler un libro se sabes que no futuro poderás compartir pareceres co propio autor.
    Malia á dificultade de organizar actividades coma esta gustaríame, e penso que falo pola maioría dos alumnos do centro que se fixesen máis cousas deste tipo, tentando que os alumnos se impliquen máis coa lectura e co club de lectura do centro, outra iniciativa interesante que se ven levando a cabo no centro dende ó ano pasado, se ven cun tímido seguimento, parece consolidarse pouco a pouco.

    Luís Vilar Fernández

    ResponderEliminar