3/12/11

Primeira reunión Club Lectura: Bacharelato

O xoves 1 de nadal reunímonos na biblioteca para falar de O home que plantaba árbores. Das intervencións deducimos que foi unha lectura amena, doada, aparentemente sinxela, pero complexa no seu contido. Fíxonos pensar na posibilidade de que unha soa persoa poida tranformar a sociedade, neste caso mellorando o seu entorno natural de forma totalmente desinteresada, sen esperar beneficio individual a cambio.
Ao final da reunión, decidimos quedar o día seguinte no recreo para plantar landras de carballo, e así o fixemos. Foi unha experiencia breve pero moi divertida. Cada carballo que naza será a lembranza destes estupendos alumnos e alumnas no seu paso polo centro.


Con tanto entusiasmo,medrarán uns fermosos carballos!

3/11/11

Xa estamos en facebook

Picade no icono de facebook e enviade unha solicitude de amizade.

28/10/11

JEAN GIONO, O home que plantaba árbores
 Este é o primeiro libro que propomos este curso. Trátase dunha sinxela historia de amor á natureza.Unha persoa de forma totalmente altruísta consegue recuperar as fragas da súa contorna e así mellorar as condicións de vida da xente que habita ese lugar.



1/5/11

MAKINARIA

O luns imos falar de libros cos compañeiros e compañeiras do club de lectura do IES Val do Tea de Pontareas a través dunha videoconferencia.

5/3/11

Paula Carballeira no IES Primeiro de Marzo

         Un público totalmente entregado escoitou as engaiolantes historias de medo
dunha das mellores narradoras orais galegas, Paula Carballeira. Esta actriz,
tanto de teatro como de televisión(actúa en series como Libro de Familia) ten
publicados varios libros, sobre todo de literatura infantil e xuvenil. Destacan
entre as súas múltiples obras, a peza dramática Boas noites, I Premio Manuel
María de Literatura Dramática Infantil e o máis recente O lobishome de Candeán,
novela que espertou o interese dun gran número de lectores, entre eles do
alumnado do IES Primeiro de Marzo de Baiona.

15/2/11

NOVOS MÉTODOS PARA O FOMENTO DA LECTURA


  O luns 14 de febreiro, no IES Primeiro de Marzo de Baiona, organizouse unha videoconferencia  co ilustrador e autor de banda deseñada, afincado en Francia,  Alfonso Zapico. A interesante charla co escritor de novelas gráficas como Café Budapest ou La guerra del profesor Bertenev tivo lugar na biblioteca do  centro,  dentro da programación dunha serie de actividades relacionadas coa utilización do cómic como método de promoción da lectura, combinándoa co uso das novas tecnoloxías como medio eficaz para achegar determinados contidos de tipo cultural ao público xuvenil.
    A demanda do alumnado, de forma amena e intelixente, Alfonso Zapico, desde Angoulême en Francia,  foi comentando os seus novos proxectos editoriais, o presente e futuro da banda deseñada en soporte electrónico, a validez do uso do cómic como material educativo e outros aspectos relativos á vocación de deseñador gráfico ou á importancia da lectura e documentación como pasos previos á elaboración de calquera novela gráfica.
  Esta foi, sen dúbida, unha enriquecedora actividade que tivo lugar grazas á utilización das novas tecnoloxías e á boa disposición e interesante obra gráfica do autor.

10/1/11

LENDO BANDA DESEÑADA: CAFÉ BUDAPEST E MAUS

Nesta ocasión as lecturas propostas son dúas magníficas historias en banda deseñada: Maus e Café Budapest. A primeira achéganos a crúa realidade que viviron os xudeus na Alemaña nazi con personaxes moi ben construídos, que conseguen que a historia nos absorba. A segunda está ambientada nos inicios do conflito palestino-israelí e dá unha visión sinxela dunha situación tan enmarañada e complexa.
Manteremos unha vídeo-conferencia co autor de Café Budapest Alfonso Zapico en datas próximas, así que vos animamos a que leades o libro e participedes na charla. Seguro que resulta interesante.